Friday, 22 de November de 2024 ISSN 1519-7670 - Ano 24 - nº 1315

A cobertura informativa sobre o crime de Cambados

A raíz da cobertura que os medios de comunicación fixeron do crime perpetrado por un garda civil que matou dun disparo á súa ex noiva no interior do cuartel de Cambados, o Observatorio Galego dos Medios do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, reitera o deber que teñen os xornalistas de observaren as normas éticas e profesionais ás que os obriga a súa condición de mediadores entre os feitos e a sociedade. É ao que responden as recomendacións que de maneira consensuada foron recollidas no seu día (16 de outubro de 2004) na ‘Declaración de Compostela’, algunhas das cales foron incumpridas neste caso. Ao respecto, o Observatorio quere subliñar eses incumprimentos:

1. Algúns dos medios que cubriron ese execrable crime incluíron a información na sección de Sucesos, e no seu defecto, en páxinas ou bloques informativos habitual e rutinariamente destinadas a crimes e delitos diversos. Desta maneira, restáronlle a ese acto de violencia contra a muller que acudira precisamente ao cuartel para denunciar ao seu agresor a súa dimensión social, ou mellor, a súa identificación como problema social que é. Da mesma maneira que nos atentados terroristas queda claro que o asasinato non é un crime máis, senón que está incardinado nun contexto político e que quen mata está ligado a unha determinada ideoloxía, debe quedar tamén claro que os asasinatos de mulleres – ou no seu caso, as agresións que elas sufriran – a mans de homes polo simple feito de seren mulleres, beben da ideoloxía patriarcal e han ser presentados nos medios de comunicación incardinados no contexto da violencia de xénero. Porque se trata da mesma ideoloxía da que beben as desigualdades entre mulleres e homes que se manteñen na vida cotiá, a mesma que actúa como motor da violencia de xénero. Neste caso concreto, a posición de dominio que asumiu o agresor: ou miña ou de ninguén.

Espiral de violência

2. Así mesmo, a maior parte dos medios esforzáronse por explicar o comportamento criminal do home en base aos efectos do alcohol, da depresión ou do seu carácter agresivo. Agora ben, o estado de suposta embriaguez non lle impediu moverse con precisión no escenario do crime, nin tampouco matar á que fora a súa noiva dun tiro certeiro. Priorizando esas circunstancias sobre o acto criminal en si, algúns medios contribuíron a atenuar a brutalidade e a culpabilidade do agresor. Este tipo de actos deben explicarse atendendo á súa última causa, nunca priorizando as circunstancias colaterais no relato xornalístico.

3. Aínda que a vítima non teña xa a posibilidade de defenderse, como é o caso, segue íntegro o seu dereito á intimidade. A práctica totalidade dos medios que cubriron este crime non só claudicaron nisto, senón que como consecuencia diso incumpriron tamén o deber que teñen de respectar o dereito ao anonimato dos familiares da vítima.

4. Nos relatos xornalísticos publicados ou editados non se esforzaron os seus autores en dar conta, como se vén recomendando e mesmo como se ten consensuado ultimamente entre responsables de igualdade nos gobernos e representantes de medios, daquela información -datos, recursos, entidades de apoio e asesoramento- que ha ser útil para que outras mulleres que se sinten ameazadas e acosadas, como o estaba esta muller de Cambados, saiban a que aterse, e non acaben sendo vítimas mortais de homes violentos. E tamén porque é como se as pode animar desde os medios, para que casos tan graves de violencia de xénero non acaben producindo nas que estean sufrindo a mesma situación un efecto disuasorio, buscando pola contra a maneira de saíren da espiral de violencia na que estiveran atrapadas.

Culpabilizar a vítima

5. É preciso insistir en identificar a violencia contra as mulleres como unha violación dos dereitos humanos. Os medios de comunicación non acostuman identificar como tal a violencia de xénero, nin adoitan cualificala como unha violencia estrutural, a non ser que recollan as verbas dalgunha fonte que así o faga.

6. Nas informacións sobre este crime vertéronse algunhas contradicións, derivadas da maneira en que utilizaron as versións das fontes, e nesa medida os medios que as trasladaron provocaron confusión nos seus receptores. É necesario que medios e xornalistas validen a fiabilidade e a credibilidade da información que lles cedan as fontes, sobre todo tratándose de fontes oficiais (policiais, gobernamentais…) e de fontes espontáneas e testemuñais (veciños/as, compañeiros/as…), antes de integrala nos relatos definitivos – escritos ou audiovisuais. Da iniciativa propia e da dilixencia na investigación que leve a cabo o xornalista hase derivar un tratamento e uns contidos que respondan ao seu compromiso coa verdade e á solidariedade coa vítima. A utilización de fontes que ademais de plurais en número sexan cualitativamente diversas, e de fontes expertas ou con coñecementos no ámbito da violencia de xénero (practicamente ausentes nas informacións sobre o crime de Cambados), garante en boa medida eses compromisos profesionais e esa dilixencia. Do contrario, pode ocurrir e de feito ocurre que nas informacións deste tipo se perpetúen os prexuizos e estereotipos tradicionais, culpabilizando á vítima, ou como fixo algún medio no tratamento que lle deu a este crime, xustificando ao agresor ao aducir por boca de fontes espontáneas que se trata dun bo home que simplemente tivo un mal momento.

******

http://observatoriodosmedios.org/